O noso Monte

Souto en Pedra Cabalgada. Ano 2010.
Os montes de Darbo, están localizados no concello de Cangas (Pontevedra). A parroquia de Darbo, linda ó norte co concello de Bueu e as parroquias de Aldán e Coiro; ó sur coa ría de Vigo; ó leste coa parroquia de Santiago de Cangas e Coiro; e ó oeste coas parroquias do Hío e Aldán. Os montes da parroquia de Darbo, iniciaron o expediente da primeira clasificación mediante a publicación no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra co número 115 e fecha de 21 de maio de 1979. O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasificou os citados montes, como Veciñais en Man Común en sesión do día 15 de novembro de 1979. Dacordo coa resolución do Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, clasifícanse os “Montes de Darbo”, cunha superficie de 163 hectáreas. Posteriormente a esta primeira clasificación aconteceron dúas máis, o 23 de setembro de 1992 (A Costa Santa Marta, Laxe de Milladoira, Franqueira, Barreiras e Anguieiro) e 16 de abril de 2012 (Porteliña e outros).

Pedra do Elefante, na serra Nacente - Poniente. Ano 2010.
A delimitación do noso Monte correspóndese co deslinde parcial do antigo Monte de Utilidade Pública nº 293 – 13 denominado “Borradillo, Liboreiro e outros”, aprobado por orde ministerial do 31/03/1955. O “Monte de Darbo” segundo a carpeta ficha documento base para a clasificación do monte veciñal, describe o límite da seguinte forma: “Os únicos límites destacables no perímetro dos montes da parroquia de Darbo son: Polo norte dividen cos do termo municipal de Bueu subindo polos marcos cara ó oeste ata o Liboreiro. Polo oeste, dividen coas da parroquia de Aldán dende o Liboreiro cara ó sur seguindo o cumio da loma que divide augas entre parroquias por Carballiño e Castelo, de onde cruza cara o oeste ata Varalonga. Tamén polo oeste dividen co “Castro Coruxo” da parroquia do Hío, dende Varalonga seguindo cara o sur pola loma de Pedra Rachada abaixo ata as fincas particulares. Polos demais aires seguen os peches das fincas particulares, así como o “San Roque” enclavado entre estas”.

Exemplar de Érbedo (Arbutus unedo) na serra Poniente. Ano 2010.
O aproveitamento consuetudinario dos montes en man común polos veciños da parroquia de Darbo, responde o aproveitamento silvo-pastoral, suxeito ós usos tradicionais de rozas de matogueira para esquilmes e recollida de leñas. Estas terras colectivas foron dende sempre un soporte para todo o sistema agrario. A necesaria compatibilidade entre os distintos usos do monte fronte o tradicional, leva a unha diversidade que ó longo dos anos consolidase no sentido de aproveitar tódalas posibilidades que o monte ofrece. Tendo en conta esta multiplicidade de usos, os montes da parroquia de Darbo veñen sendo aproveitados segundo os usos e costumes veciñais da forma seguinte:

Faixa con especies autóctonas ao pé do outeiro da Raposa. Ano 2014. 

  1. Esquilmes e leñas: Os montes foron obxecto dun aproveitamento por parte dos veciños da parroquia, baseado principalmente na recollida de matogueira, toxo e fento, para a preparación de camas para o gando e posterior producción de esterco. Esta actividade foi de capital importancia nun sistema agrícola tradicional tan intensivo como o galego, con grande necesidade de fertilizantes. Na actualidade esta actividade, como o conxunto das prácticas agrícolas tradicionais, está en decadencia debido á diminución das cabezas de gando e o empleo cada vez maior de fertilizantes químicos. O abandono xeneralizado desta práctica orixina enormes acumulacións de combustible, moi perigoso en épocas de seca e é un factor de importancia na planificación da defensa contra os incendios forestais. As leñas utilízanse como combustible para o fogar, obténdose de diferentes especies arbustivas e dos árbores apedos.
  2. Mananciais: Os mananciais de auga existentes no monte son aproveitados polos veciños, de maneira individual ou en réxime de comunidade de usuarios, existindo numerosas captacións de auga para uso doméstico.
  3. Caza: O “Monte de Darbo” atópase na súa meirande parte dentro do perímetro establecido para o TECOR SOCIETARIO CANGAS 2001 co número de matrícula PO-10.136.
  4. Madeiras: A preocupación por converter o monte nun espacio forestal multifuncional, ambientalmente ordenado e rentable é recente. A meirande parte do “Monte de Darbo” atópase repoboada indiscriminadamente e de forma masiva de especies alóctonas como o Eucalipto (Eucalyptus globulus), ou de especies de caracter dubidoso como o Piñeiro do país (Pinus pinaster). Estas repoboacións levadas a cabo pola administración son o resultado dunha política forestal onde só se buscaba unha rentabilidade económica, obviando o resto das funcións propias do monte.
  5. Recreativo: Xunto coas tradicionais funcións dos montes, existe outra ligada o uso recreativo onde a paisaxe e o valor ecolóxico do monte constitúe un elemento de grande importancia.

Vistas dende o monte do Elefante, ao fondo as illas Cíes. Ano 2010.
A CMVMC de Darbo mantén un convenio coa administración co número 3615552, concretamente coa Consellería do Medio Rural e Mar, asinado o 14 de abril de 1986 onde se estipulou a superficie en convenio en 134 hectáreas. O obxecto do convenio é a repoboación forestal dos terreos rasos e a conservación e os tratamentos silvícolas das masas arbóreas existentes ou que se creen, o aproveitamento das mesmas e os traballos de melloras do monte.

Repoboación realizada no inverno de 2007 ao pé do monte Castelo. Ano 2014.
Por último, indicar que o “Monte de Darbo” non se atopa en ningún espacio natural protexido ou baixo as regulacións de plans de conservación de especies ameazadas.

1 comentario:

  1. Noraboa pola vosa paxina, un exemplo e orgullo para outras comunidades de montes, hai algo mais que "cartos/eucaliptos" no monte

    ResponderEliminar